A morte da enciclopedia por Xulio Villarino

  

   

    Morreu a enciclopedia ou alomenos empezou a morrer cando naceu Internet, a rede de información global. Os nenos de hoxe se necesitan información sobre, por exemplo, o escritor Manuel Rivas, non buscan na estantería da casa o tomo no que aparece a r de Rivas, non. Escriben na pantalla do seu ordenador: <escritor Manuel Rivas>, e o buscador, sexa Google, o máis popular, Altavista, Yahoo, ou calquera deles, convérteo en “escritor + Manuel + Rivas”, e en décimas de segundo mostra sobre a pantalla milleiros de informacións que conteñan estas verbas. O mesmo ocorre se o que está diante do ordenador é un posible mercador de, por exemplo, un disco. O usuario abre o buscador e escribe <mercar disco de Luar na Lubre>. De súpeto recibe un montón de información sobre onde comprar o disco, os prezos das distintas tendas, as letras das cancións, fotos dos músicos, vídeos de concertos, ou incluso escoitar fragmentos das cancións. Ti decides que che interesa e que non, pero información tela a moreas. Unha enciclopedia como a xigantesca Espasa quédase enana á hora de compararse coa rede. Agora ben, tamén é certo que a información absoluta é a absoluta desinformación. Por iso na gran rede de redes unha das claves está en saber separar ben o gran da palla.