Lois Tobío, viveirés universal polo Departamento de Lingua e Literatura do SETV

  

 

 Entre as figuras viveiresas que adquiriron no devir histórico relevancia e trascendencia destaca como poucas a de Lois Tobío Fernández (Viveiro, 1906-Madrid, 2003). A súa personalidade poliédrica, a súa traxectoria ricaz (e non obstante chea de dificultades e sensabores), o seu inmenso labor a prol da personalidade e da cultura de Galiza e a súa exemplaridade ética convérteno, sen dúbida, nun persoeiro clave do noso século XX.

 

Fillo do mestre e poeta Lois Tobío Campos (chegado a Viveiro en 1892) e de Mélida Fernández, a súa infancia feliz transcorreu en Viveiro, no barrio da Pescadería, con vivenda nos claustros de San Francisco e ao pé da “Fonte da Area”, que cantaría anos despois con ternura nun artigo memorable. Ambiente, personaxes, xogos e tradicións populares viveiresas formaron parte da súa aprendizaxe vital e deixaron nel unha pegada tan entrañable como imborrable, como el mesmo consignou: “Foron dez anos máxicos, cheos de marabilla, coma vivir no paraíso”.

 

Con nove anos trasladouse coa súa familia a Santiago e alí estudiou bacharelato, solfexo e frauta. Non perdeu, porén, a relación coa súa vila natal, pois pasaría nela os veráns adolescentes na compaña da súa avoa Encarnación e da súa tía Matilde, mantendo trato cos irmáns Villar Ponte, Félix González, Balbino e Pepe Cerdeiras, Pepe Casariego, Euxenio del Valle, etc.: “Aqueles veráns do Viveiro da miña mocedade foron nidios e ledos como un abrente”.

 

Sendo estudante de Dereito en Compostela, animou con Fermín Bouza Brei, Filgueira Valverde e outros a constitución do “Seminario de Estudos Galegos”(1923), entidade que marcou un espírito de identificación coa Terra nas investigacións e unha metodoloxía multidisciplinar e innovadora da que aínda somos debedores, en boa medida, na actualidade. O “Colegio Insigne” viveirés fundado por María Sarmiento constitúe o tema dunha das primeiras investigacións científicas do mozo Tobío. Traballos como Aportazón ó estudo da historia da pesca da balea nas costa de Galiza, Unhas moedas castelás atopadas no Valadouro (1925) ou A eirexa de Santa María de Viveiro (1933), publicados no boletín ourensán Nós, testemuñan a súa querencia investigadora por cuestións relativas á súa bisbarra natal, ao igual que o intitulado Viveiro no século XVI, lido no Seminario de Estudos Galegos en abril de 1926.

 

Colaborou Tobío nos anos da Ditadura primorriverista coa revista galaico-arxentina Céltiga e co xornal vigués El Pueblo Gallego, con artigos como “O galeguismo do porvir” (1926). Licenciouse en 1927 con Premio Extraordinario. En 1928 realizou o servizo militar en Compostela, na arma de Artillería, compaxínandoo co traballo como Profesor Auxiliar da Cátedra de Historia do Dereito na Universidade compostelá. En 1929-1930, Tobío amplía os seus estudos en Berlín, coincidindo con Fernández Armesto, Francisco Ayala, Xosé Canedo e Vicente Risco nunha Alemaña que fervía política e socialmente nos prolegómenos do ascenso ao poder das hostes hitlerianas.

 

De volta en Galiza, participa en Viveiro no “recebemento” que os sectores democráticos tributan no verán de 1930 ao político corrupto Soto Reguera, pronuncia en xaneiro de 1931 no Paraninfo da Universidade santiaguesa a VIª Conferencia da F.U.E. (Federación Universitaria Escolar), co título “De la nueva juventud”, e aparecen no boletín Nós as súas Refreisións encol do momento aitual da Galicia (1931), que revelan un pensamento definido polas vertentes nacionalista e filo-esquerdista.

 

En 1931 colabora con Bóveda e Carvalho Calero, en calidade de director da Sección de Ciencias Xurídicas, Sociais e Económicas do “Seminario de Estudos Galegos”, na confección dun “Anteproxecto de Estatuto de Autonomía”, que definía Galiza como “Estado libre dentro da República Federal Española”. Milita desde a súa fundación no Partido Galeguista e mesmo chega a pertencer ao seu Comité Executivo.

 

Nesta mesma época traballa como profesor auxiliar de Dereito Romano e Historia do Dereito. Imparte ademais un curso de “Historia do Dereito Galego” que constitúe o primeiro acto de emprego do galego como idioma vehicular nas aulas da Universidade santiaguesa. Non é o único acto de compromiso coa lingua: o Día da Patria de 1933 a Editora Nós de Ánxel Casal imprimiría o opúsculo Por que debemos falar en galego de Tobío, xunto coa letra do himno galego e un texto de Ramón Cabanillas.

 

En 1931 desprázase a Madrid para realizar os Cursos de Doutoramento, que supera con éxito. Logo dun curto período en Compostela, regresa en 1933 á capital española e ingresa por oposición na carreira diplomática. O tribunal que o xulgou estaba presidido por Américo Castro. A seguir realiza viaxes de formación por Xenebra, Praga, Cracovia, Viena, Budapest... ata o seu nomeamento como Secretario da legación española en Sofía. Alí relaciónase, entre outros, co Delegado Apostólico en Bulgaria monseñor Roncalli (futuro Papa Xoán XXIII) e viaxa a varios países (Austria, Romenia, Turquía, Grecia...).

 

Ao estourar a Guerra Civil, permanece fiel ao goberno lexítimo da República. Tras regresar de Bulgaria está en Valencia en 1937, colaborando co presidente Negrín. Realiza viaxes en misión diplomática e política ao sur de Francia, ao Norte de África e a varios países da Europa mediterránea. Xa en Barcelona coñece á súa futura esposa, Mª del Carmen Soler (cariñosamente, “Melu”), con quen casará en xaneiro de 1939. Desde 1938 está mobilizado militarmente, é testemuña de bombardeos en Granollers e resulta destinado á fronte de batalla co XV Corpo de Exército da República. Nomeado tenente auditor en campaña, regresa a Barcelona e recebe o nomeamento de Secretario Xeral do Ministerio de Estado (1938).

 

Após a derrota republicana na guerra, Tobío exíliase primeiro en Francia (Perpignan, París), e tras pasar por Nova Iorque (onde contacta con Castelao), La Habana (onde axuda a fundar a “Escuela Libre”) e México (onde traballa como profesor), establécese finalmente en Montevideo (1940). Nesa cidade botará vintetrés longos anos de exilio, criará os seus dous fillos, Miguel e Constanza, e desenvolverá un intenso traballo cultural e cívico, de irrenunciábel contido democrático, republicanista e galeguista.

 

Na capital uruguaia, efectivamente, colabora coa “Casa de Galicia”, con “Radio Ariel”, co “Centro Republicano” e no xornal El Día, escribindo para este, por exemplo, lúcidos artigos sobre o devir da 2ª Guerra Mundial. En 1944 pasa a ser redactor fixo e complementa os seus ingresos con traducións de alemán (o Narciso e Goldmundo, de Hermann Hesse e a Teoría del Estado, de Hermann Heller, por exemplo) para a Editorial Sudamericana e para o Fondo de Cultura Económica de México. En 1947 entra a traballar na casa farmacéutica Roche e consegue certa estabilidade económica.

 

Tobío é, así mesmo, quen artella xuridicamente en 1944 o “Consello de Galiza”, entidade do exilio da que Castelao é primeiro presidente e que viña actuar como “fideicomisaria” da vontade libre, democrática e autonomista do pobo galego. É, ademais, un dos oito galeguistas que poñen en marcha en setembro de 1950, en Radio Carve de Montevideo, a audición radiofónica “Sempre en Galicia”, autodefinida como “a voz dos galegos no Río da Prata”. Aínda hoxe segue viva. Entre 1950 e 1962 é Tobío o seu principal editorialista. Tamén participará no volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Ed. Alborada, Buenos Aires, 1949), xunto con Delgado Gurriarán e Plácido R. Castro.

 

De idéntico xeito, participa decisivamente no “1º Congreso Galego da Emigración” (Buenos Aires, 1956) e nos labores da AGUEA (Agrupación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas). Colabora coa revista Galicia emigrante e corrixe e asesora lingüisticamente os dous primeiros tomos da Historia de Galicia que dirixe Otero Pedraio e que se publica en Buenos Aires co patrocinio de Manuel Puente.

 

Logo de se acreditar como tradutor da ONU, retorna á Península en 1962. Primeiro instálase en Barcelona, cidade en que a súa muller sofre esperpéntica perseguizón franquista por unha presenta vinculación coa masonaría. Unha vez instalado en Madrid, visita Gondomar e Viveiro. Cada verán realizará viaxes vacacionais a diversos pobos de Galiza, aínda que serán a catalana Sitges e o Viveiro natal as súas vilas favoritas de lecer e descanso. Tras un duro preito xudiciario, consegue reingresar na carreira diplomática en 1974. Dous anos despois, xubílase.

 

Tobío non cesa, porén, de traballar a prol da nosa cultura e identidade. Convértese no máximo especialista na figura de Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar e embaixador de Felipe II en Inglaterra no séc. XVII. Sobre el redixe múltiples traballos, entre os que cabe citar Gondomar y su triunfo sobre Raleigh (1974), A intervención de Gondomar nos problemas internacionais de pesca (1984), Gondomar y los católicos ingleses (1987), Catro ensaios sobre o conde de Gondomar (1991), etc. Preside, ademais, o reconstituído “Seminario de Estudos Galegos” (1979) e escrebe a ponencia “Os valores éticos en Castelao”.

 

Tras ficar viúvo en 1987, pasa parte dos veráns en Viveiro hospendándose no “Hotel Orfeo”, colaborando co Heraldo de Vivero e animando a constitución  do “Seminario de Estudos Terra de Viveiro”, que preside honorificamente e honra cunha parte importante do seu legado. , ademais, membro do Consello Asesor do “Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional“ (IGADI) e Socio de Honra da “Asociación de Escritores en Lingua Galega” (AELG).

 

Desta época son outros destacados traballos intelectuais e literarios seus, como as versións galegas de Sonetos a Orfeo, de Rainer Mª Rilke (Ediciós do Castro, 1980); Nai coraxe e mais os seus fillos, de Bertold Brecht (Ediciós do Castro, 1987) e o Fausto, de Goethe (Edicións Laiovento, Santiago, 1997). En 1994 publicou o volume memorialístico e autobiográfico As Décadas de T.L. (Ed. do Castro, Serie Documentos, nº 110), co que culminou un contributo realmente valioso e impagábel ás nosas letras.

 

Aínda que tarde, comezou tamén a receber no período final da súa vida as homenaxes e recoñecementos que se lle debían. En 1984 concedéuselle o Pergamiño de Honra do Padroado “Pedrón de Ouro”. En 1991, o “Premio Trasalba”, da Fundación Otero Pedraio. No 1996, a Medalla de Honra da Cidade de Viveiro (xunto con Leal Insua e Prados Ledesma, ambos a título póstumo). En 1999, o “Premio das Artes e das Letras” de Galiza. No 2001 tribútanselle senllas homenaxes públicas en Gondomar e Madrid e publícase o volume colectáneo Homenaxes a Tobío (Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 88). No 2002, concedéuselle o “Premio Plácido Ramón Castro de Tradución”. O Colexio de Educación Primaria de Viveiro (1999) e o Auditorio Municipal de Gondomar (2001) levan na súa honra o seu nome.

 

Tal é, en apretada e probabelmente incompleta síntese, a traxectoria dun ser humano que nos contaxiou a quen o coñecemos coa súa personalidade e que nos legou, por se non abondasen toda a súa obra escrita, todo o seu labor político e toda a súa achega intelectual, un exemplo cabal de honestidade, de firmeza nos ideais, de tolerancia e respecto, de humildade e, sobre todo, de amor e lealdade á Terra. Súas son, por fermosas e reveladoras, as palabras coas que poñemos colofón a estes renglóns:

 

Foi fermoso vivir coa ilusión de estar axudando a restaurar a vella casa común, escanastrada por alleos e alleeiros, para despois enriquecela con novas construccións. E agora, vendo con gozo coma sigue a traballar e loitar a xente moza na mesma dirección, a que sinalaron os nosos devanceiros desde o Rexurdimento, paso os anos finais da miña vida, estas últimas décadas, a observar o que pasa ao meu arredor e no mundo, agradecido ao destino por me ter concedido o don, que tantos non acadan, de compretar o ciclo da vida. E para rematar, direi co Mestre: Wie es auch sei, das Leben, es ist gut [Sexa como for, a vida é boa]”.