Costa Distinta por Xoán Neira

  

    A Mariña lucense, esa franxa costeira que vai desde o Sor ao Eo, sen delimitar esas fronteiras artificiosas, de Oriental, Central e Occidental, tendo só en conta as características xeográficas, diferenciadas únicamente porque no Leste preséntase baixa e rectilínea e no Oeste alta e recortada, admite moitos e eloxiosos adxectivos sobradamente merecidos pero seguramente o que mellor a defina sexa o de distinta. Distinta a todas, á costa da Morte, ás Rías Baixas, á do resto do Cantábrico, á costa portuguesa e xa non falemos doutras.

    Eu que nacín en terra adentro e teño o meu paraíso da infancia á beira do Miño, vivo agora noutro paraíso á beira do alto mar da chuvia, do vento, da néboa, dos soles bretemosos. O de Foz foi o meu primeiro mar nos ollos de neno, un asombro inmenso, unha chaira infinda devalando aos meus pés. Agora é o mar de Viveiro o que me inunda os sentidos, unha atracción irresistíbel, a do seu cheiro, a do seu movemento que boto de menos cando estou lonxe.

    Ver saír o sol danzando na tona das augas, espertar na morneza do seu murmurio é un espectáculo fascinante, ollar como ao pé dos acantilados baten as ondas máis bravas rompendo en fervente xerfa, transitar os longos e finísimos areais brindando coa brisa, divisar a beleza inigualábel das rías penetrando na terra, mergullarse na transparencia de cristal verde-azul ou perderse nalgún recuncho solitario é algo impagábel. Talvez nesa nudez, nese perfume do ar libre se esconda o seu encanto.

    Se nos separamos do litoral topamos con paraxes incomparábeis: fértiles vales, atravesados por ríos limpos, con microclimas benignos, fermosísimas fervenzas de luz ou co frescor dunha vizosa fraga. Mar e terra, terra e mar, un sitio distinto  non soamente no verán, neste verán tropical que nos visita e discorre nun río festivo ateigado de turistas porque para os que habitamos estes territorios que curte o vento, todas as estacións están marcadas e diferenciadas: invernos de chuvias incesantes, días teimosamente neboentos, o frío nordés picándonos a pel, temporais bruando nos teitos das casiñas de colores dos portos, os grises outonos adurmiñados no solpor ou esplendorosas primaveras entre arcos da vella que pintan no mar raiolas e treboadas.

    Cada día é diferente, cada noite un almanaque de soños compoñendo un cadro cambiante e conformando o carácter e a alma dos que nos espellamos neste mar.

    Se ademais engadimos un ricaz patrimonio histórico e cultural e unha gastronomía de calidade insuperábel, sobre todo peixe e marisco, chegamos á conclusión de que moramos no paraíso do máis Norte, nestoutro cabo do mundo que non valoramos porque a  rutina murcha a mirada.

    É moito o que ofrece a costa lucense malia  esa transcantrábrica desviada que perdeu o seu nome, as malas comunicacións que nos illan e condicionan o noso desenvolvemento económico, o avance imparábel do eucaliptal que devora o bosque autóctono e algunha que outra barbaridade urbanística que atenta contra a estética do contorno.

    Así e todo vivimos arrolados pola música das mareas, peneirando a brétema das horas nun lugar privilegiado para respirar, comer, durmir, soñar e gozar en plenitude.