Estatutos

 

SEMINARIO DE ESTUDOS TERRA DE VIVEIRO

 

 

TÍTULO I

DENOMINACIÓN, ÁMBITO, FINS E DOMICILIO

 

ART. 1.- Coa denominación de ASOCIACION SEMINARIO DE ESTUDOS “TERRA DE VIVEIRO” procede a adaptar os Estatutos desta Asociación, ao amparo da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación.

         A devandita Asociación rexerase polos presentes Estatutos e por toda a lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicábel, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.

ART. 2.- A Asociación Seminario de Estudos “Terra de Viveiro” (SETV, en adiante) é unha entidade cultural, científica, divulgativa e de investigación, de carácter civil, que non ten ánimo de lucro, independente de todo credo relixioso e de toda filiación política, que ostenta personalidade xurídica propia.

ART. 3.- O SETV, como suxeito de dereito e para o cumprimento dos seus fins, ten a personalidade que as leis lle confiren como titular de dereitos e responsábel das obrigas que contraia en toda clase de actos ou contratos de carácter civil, tales como adquisición, venda ou gravame de bens mobles ou inmobles que se precisen para o desenvolvemento dos seus fins e para a xestión dos intereses xerais dos seus asociados/as.

ART. 4.- A lingua oficial das actividades e documentos do SETV será o galego.

ART. 5.- O ámbito de actuación do SETV será comarcal e extenderase á "Terra de Viveiro", isto é, ao territorio que resulta de compendiar o antigo Partido Xudicial de Viveiro co actual. Non obstante, o SETV poderá eventualmente desenvolver a súa actividade máis alá dos límites do citado territorio, ben en solitario, ben en colaboración con outras entidades análogas, previo acordo da Xunta Directiva e sempre en aras do mellor cumprimento dos seus fins.

 

ART. 6.- A duración do SETV é indefinida e só se disolverá, conforme ao estipulado nestes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral convocada a tal efecto, por sentenza xudicial firme ou por calquera das causas previstas nas leis vixentes.  

ART. 7.- Son fins do SETV:

         a) Recuperar, promover e divulgar, no seu máis amplo senso, os valores históricos, etnográficos, marítimo-pesqueiros, artísticos, ecolóxicos e culturais da Terra de Viveiro.

         b) Fomentar o estudo, coñecemento e respecto de ditos valores, a través de todo tipo de actividades, como cursiños, conferencias, semionarios, recitais, simposios, congresos, ciclos culturais, excursións, exposicións, proxeccións e demais actos de natureza análoga.

         c) Formar un fondo documental, gráfico e bibliográfico sobre a Terra de Viveiro, recabando dos organismos oficiais, das entidades privadas e das persoas físicas os instrumentos oportunos ou unha reprodución deles o máis axeitada posíbel.

         d) Facilitar o emprego dos fondos documentais, gráficos e bibliográficos aos estudiosos que o precisen, segundo o regulamento que, tocante ao mesmo, se estabeleza.

         e) Promover a catalogación, protección, conservación e restauración dos monumentos, restos arqueolóxicos, edificacións de interese e paraxes naturais de valor ecolóxico ou paisaxístico que na actualidade se coñecen ou que eventualmente se descubran no futuro dentro do espazo territorial da Terra de Viveiro.

         f) Crear e manter un Museo no que se recollan as obras de arte, obxectos navais (civís e militares), obxectos artesanais, restos arqueolóxicos e calquer outro instrumento de interese histórico, artístico, ecolóxico, relixioso ou costumista da Terra de Viveiro.

         g) Convocar premios e concursos, organizar cursos, seminarios, conferencias, certames e actos similares.

         h) Elaboración e edición de materiais formativos, revistas, folletos, videos e calquer tipo de publicación para a difusión das ideas do SETV  sobre a historia, a arte, a xeografía, os costumes, os recursos maritímo-pesqueiros, o deporte, a economía, a literatura, o feminismo e a muller, a xuventude, a medicina e sanidade, a ecoloxía e o paisaxismo, a gastronomía, a cultura e calquera outra manifestación de interese relacionada dalgunha maneira coa Terra de Viveiro.

         i) Conseguir dotacións económicas que posibiliten a concesión de bolsas ou axudas destinadas á investigación, protección e divulgación de todo tipo de valores culturais, artísticos, ecolóxicos e históricos da Terra de Viveiro.

         j) Colaborar con outras entidades e institucións, públicas ou privadas, en actividades e iniciativas que en ningún caso contradigan os fins declarados nos presentes Estatutos.

         k)  Realización e promoción de actividades sociais, recreativas, lúdico-deportivas, artísticas, novas tecnoloxías, xuvenís, promoción da muller, asistencia social, tolerancia, medio ambiente, sendeirismo, infancia, consumidores e usuarios, saúde e sanidade, dereitos humanos e calquer outro de similar natureza.

          l) Organización de Simposios, Salóns, Bienais, Feiras, Festas e Mercados como recuperación da cultura tradicional.

         ll) Organización de cursos para muller, xuventude e terceira idade.

        m) Cantas outras actividades lícitas sexan de conveniencia dos intereses comúns dos/as asociados/as. 

ART. 8.- O SETV terá o seu domicilio oficial na Praza de Lannion, nº 6-entrechán C, en Viveiro (Lugo), e, no seu defecto, no Apartado de Correos nº 103, C.P. 27850, tamén de Viveiro (Lugo).

ART. 9.- A Xunta Directiva do SETV, como órgano de representación da entidade, será competente para interpretar os preceptos contidos nos Estatutos, someténdose en todo momento á normativa legal vixente en materia de asociacións.

         Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante acordo que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dentro das súas respectivas competencias.

 

 

                                                            TÍTULO II

DOS ÓRGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN 

 

ART. 10.- A Dirección e Administración da Asociación serán exercidas polo/a Presidente/a, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Corresponde a plena soberanía do SETV á Asemblea Xeral. Non obstante, por delegación e mandato desta, o goberno, administración e representación do SETV transmítese no período interasemblear á Xunta Directiva e á súa Presidencia.

 

ART. 11.- O/A Presidente/a do SETV, que será tamén Presidente/a da Xunta Directiva, asumirá a representación legal da entidade e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e pola Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebren unha e outra.

         O/A Presidente terá, entre as súas facultades, a de convocar e levantar as sesións da Xunta Directiva e da Asemblea, a de dirixir as súas deliberacións, decidindo con voto de calidade no caso de empate, a de propoñer e impulsar o plano de actividades da entidade, a de ordenar os pagamentos acordados validamente, a de dar o visto e prace ás certificacións da Secretaría e a de ostentar a representación pública do SETV en todo tipo de actos e eventos. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, a Presidencia será substituída a eses efectos pola Vicepresidencia.

ART. 12.- A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses do SETV, de acordo coas disposicións e mandatos da Asemblea Xeal. Estará formada, tendendo á paridade de xénero, polos seguintes cargos unipersoais: Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría, Vicesecretaría, Tesourería, Vicetesourería e, ademais, un mínimo de dúas Vocalías.

         Só poderán facer parte da Xunta Directiva aquelas persoas que ostenten a condición de asociadas, sexan maiores de idade, teñan pleno uso dos dereitos civís e non estean incursas nos motivos de incompatibilidade que se establecen na lexislación vixente.

ART. 13.- A Asamblea Xeral designará por elección libre, directa e democrática a Xunta Directiva. De haber unha única candidatura, entenderase eleita se obtén máis votos a favor que en contra. De haber máis de unha candidatura, resultará elixida de entre todas aquela que obteña maior número de votos.

         Antes de se efectuar a correspondente votación, cada candidatura a Xunta Directiva deberá facer diante da Asemblea presentación dos integrantes da lista e do seu programa de goberno para a entidade.

         Caso de o solicitar algún asociado, a elección farase mediante votación secreta.

ART. 14.- Os cargos da Xunta Directiva durarán un período de 4 anos, aínda que poderán ser obxecto de reelección, renovándose por metade cada dous anos. Na primeira quenda serán renovados a Vicepresidencia, a Vicesecretaría, a Vicetesouraría e unha das Vocalías; na segunda quenda, ós dous anos seguintes, a Presidencia, a Secretaría, a Tesouraría e outra Vocalía. O primeiro mandato dos cargos da segunda quenda de renovación durará un ano máis.

As vacantes que se produzan (por renuncia voluntaria) na Xunta Directiva, cubriranse provisioriamente por designación da mesma até que a Asemblea elixa os novos membros ou confirme nos seus postos aos designados.

ART. 15.- Os membros da Xunta Directiva non percibirán retribución ningunha polo desempeño do seu cargo. Poderán, no entanto, cobrar excepcionalmente as correspondentes dietas, previa xustificación documentada dos gastos efectuados, cando así o esixa a índole das xestións e dos labores que realicen.

ART. 16.- A actuación da Xunta Directiva é decisoria e executiva. Son funcións deste órgano programar e dirixir as actividades do SETV, levar a súa xestión económica e administrativa e someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de gastos e ingresos e os estados de contas do ano anterior.

ART. 17.- A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine a Presidencia, por iniciativa propia ou a petición de cando menos 1/3 dos compoñentes do organismo. Neste último suposto, a convocatoria de reunión non poderá demorarse máis de dez días contados a partir da data da solicitude.

         En todo caso, o organismo deberá reunirse, como mínimo, unha vez cada dous meses.

         De non acudir á sesión a persoa que ostente a Presidencia, desempeñará a súa función a que ocupe a Vicepresidencia e, se esta faltar tamén, a de máis idade.

         A ausencia inxustificada dun mesmo cargo directivo a tres reunións consecutivas da Xunta Directiva poderá dar lugar ao seu cese, por decisión desta.

ART. 18.- Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados por maioría de votos dos asistentes, sendo precisa a concorrencia de cando menos a metade máis un dos seus membros, incluídos Presidente/a e Secretario/a, ou persoa que estatutariamente os substitúa. En caso de empate, o voto da Presidencia será de calidade.

ART. 19.- Das sesións da Xunta Directiva levantará acta a Secretaría, quen alén de ter ao día o correspondente Libro de Actas, expedirá as certificacións que procedan, co visto e prace da Presidencia, tramitará as solicitides de baixa e ingreso, levará ao día o Ficheiro e o Libro de Rexistro de Socios, custodiará os bens do SETV e velará, en xeral, polo cumprimento das disposicións legais vixentes en materia de Asociación, custodiando toda a documentación oficial da entidade e facendo que sexan cursadas aos organismos correspondentes as comunicacións sobre designación de Xunta Directiva, celebración de Asembleas Xerais e formalización do estado de contas e aprobación de orzamentos anuais.

ART. 20.- A Tesourería recadará e custodiará os fondos pertencentes á entidade e dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida a Presidencia. Así mesmo, deberá formalizar o orzamento anual de ingresos e gastos e o estado de contas do ano anterior, que deberán ser presentados á Xunta Directiva para que esta, pola súa vez, as someta á aprobación da Asemblea Xeral.

 

ART. 21.- A Xunta Directiva do SETV poderá constituír por iniciativa propia ou a petición dun número de socios/as non inferior ao 10% do total na data da solicitude, cantas Seccións crea conveniente para o mellor cumprimento dos fins do Seminario e para a maior racionalización de efectivos e áreas de traballo.

         A tal fin, a Xunta Directiva elaborará, en colaboración cos socios/as interesados, unha proposta de regulamento interno de cada Sección, que será aprobado pola propia Xunta Directiva en primeira instancia e ratificado posteriormente pola Asamblea Xeral de Socios.

ART. 22.- Cada Sección terá que contar cun Coordenador/a, que será designado pola Xunta Directiva, despois de que esta reciba e estude as propostas emanadas do conxunto dos socios e socias integrados na Sección.

         O Coordenador/a terá como cometidos básicos velar polo cumprimento dos fins do Seminario na súa Sección, coordinar, asesorar e impulsar os traballos da mesma e manter informada coa periodicidade e forma que se estableza á Xunta Directiva de todo o relativo á súa Sección.

         Os Coordenadores/as de Sección poderán ser convocados ás reunións da Xunta Directiva para tratar aspectos relacionados coa marcha dos traballos da súa Sección. Participarán con voz, mais sen voto, nas deliberacións da Xunta Directiva, estando obrigados a cumprir e facer cumprir os acordos que esta poida tomar con respecto á marcha da Sección.

ART. 23.- A Xunta Directiva estará facultada para a disolución dalgunha Sección cando concorran circunstancias que xustifiquen esta decisión. En todo caso, deberá someter a decisión de disolución definitiva da Sección á ratificación da Asemblea Xeral.

ART. 24.-  A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno do SETV, estando integrada por todos e cada un dos seus asociados. Reunirase sempre que o acorde a Xunta Directiva, ben por propia iniciativa, ben porque así llo solicite a décima parte do total de asociados.

ART. 25.- A Asemblea Xeral celebrarase polo menos unha vez ao ano en sesión ordinaria, debendo ser convocada pola Xunta Directiva cun mínimo de quince días de antelación a respecto da data de celebración, por escrito, con publicidade e con comunicación individual a cada asociado da orde do día, lugar de celebración e horario da 1ª e 2ª convocatorias.

         Na orde do día da sesión ordinaria da Asemblea Xeral deberán figurar, cando menos, sen perxuízo da inclusión doutros puntos, os seguintes catro apartados: a) Debate e aprobación, se procede, do Plano xeral de actuación da Asociación; b) Debate e aprobación, se procede, do informe de xestión e memoria de actividades da Xunta Directiva; c) Debate e aprobación, se procede, do estado de contas do ano anterior e do orzamento de ingresos e gastos anual; d) Rogos e preguntas.

         Deberán incluírse na orde do día da Asemblea Xeral Ordinaria, ademais, aqueles asuntos propostos por escrito á Xunta Directiva, con sete días de antelación á celebración da Asemblea como mínimo, por un número de asociados non inferior ao 10% do total.

ART. 26.- A Asemblea Xeral convocarase pola Xunta Directiva con carácter extraordinario cando así o esixan as disposicións vixentes, cando o acorde a propia Xunta Directiva ou cando o solicite un número de asociados non inferior ó 10% do total.

         A Asemblea Xeral Extraordinaria deberá ser convocada pola Xunta Directiva cun mínimo de quince días de antelación a respecto da data de celebración, por escrito, con publicidade e con comunicación individual a cada asociado da orde do día, lugar de celebración e horario da 1ª e 2ª convocatorias.

         En todo caso, deberán ser obxecto de tratamento en Asemblea Extraordinaria, indefectibelmente, os seguintes asuntos: a) modificación dos Estatutos, b) elección dos membros da Xunta Directiva, e establecemento da súas retribucións, se fose o caso, c) disposición ou alleamento de bens, d) disolución da entidade, e) expulsión de asociados a proposta de Xunta Directiva, e) aprobación do Regulamento de Réxime Interno da entidade, f) solicitude de Declaración de Utilidade Pública, g) constitución ou adhesión a federacións, confederacións ou unións.

         A convocatoria de Asemblea Xeral Extraordinaria para a modificación de Estatutos da entidade irá acompañada obrigatoriamente do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de sete días para que calquera asociado poida dirixir á Xunta Directiva as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas a todos os socios cunha antelación mínima de tres días a respecto da realización da mesma.

         Deberán incluírse na orde do día da Asemblea Xeral Extraordinaria, ademais, aqueles asuntos propostos por escrito á Xunta Directiva, con sete días de antelación á celebración da Asemblea, como mínimo, por un número de asociados non inferior ao 10% do total.

ART. 27.- Reunida a Asemblea Xeral, sexa Ordinaria ou Extraordinaria, considerarase que existe quorum cando, en primeira convocatoria, estean presentes a metade máis un dos asociados do SETV. En segunda convocatoria, media hora máis tarde, a Asemblea quedará legalmente constituída cos asociados asistentes.

 

ART. 28.- Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple, cando os votos afirmativos superen ós negativos. Non obstante, requerirán maioría cualificada de 2/3 aqueles acordos relativos á disolución da asociación, modificación dos Estatutos, disposición ou alleamento de bens ou, se é o caso, estabelecemento de remuneracións aos membros da Xunta directiva.

ART. 29.- A Xunta Directiva resérvase o dereito de decisión sobre situacións non contempladas nestes Estatutos, sempre que non sexan incompatíbeis coas xa existentes e non estean en contradición coa Lei vixente reguladora do dereito de Asociación e demais disposicións regulamentarias que a desenvolvan.

         Os acordos, feitos ou condutas da Xunta Directiva que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins do SETV poderán ser recorridos por calquera asociado perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición ante a Asemblea Xeral, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

ART. 30.- O SETV disporá dunha relación actualizada dos seus asociados e dun memorándum de actividades realizadas. Levará, ademais, unha contabilidade que reflita a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade. Tamén efectuará un inventario dos seus bens e debera recoller nun Libro de Actas as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.

 

TÍTULO III

DOS ASOCIADOS. DEREITOS E OBRIGAS

 

ART. 31.- Poderán ser asociados do SETV, libre e voluntariamente, as persoas físicas e as persoas xurídicas legalmente constituídas, sexan estas públicas ou privadas, que teñan interese en servir os fins do SETV, se comprometan a cumprir os seus Estatutos, soliciten por escrito a súa alta na entidade e sexan admitidas pola Xunta Directiva. Contra a decisión desta, se for o caso, poderase interpoñer recurso perante a Asemblea Xeral.

         As persoas físicas deberán ter capacidade de obrar e non estarán suxeitas a ningunha condición legal para o exercicio do dereito. Os menores non emancipados de máis de catorce anos necesitarán o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade.

         As persoas xurídicas de natureza asociativa requerirán, para facer parte do SETV, do acordo expreso do seu órgano competente, entanto as de natureza institucional, do propio do seu órgano reitor.

ART. 32.- Os asociados poderán solicitar a súa baixa do SETV voluntariamente en calquera momento, sen que isto os exima de satisfacer as obrigas que poidan ter pendentes con el.

 

ART. 33.- A Xunta Directiva poderá separar temporalmente ou expulsar definitivamente do SETV a aqueles asociados que cometan actos que os fagan indignos de seguir pertencendo ao mesmo.

         A separación ou expulsión, así como calquera outra medida disciplinaria adoptada, será precedida obrigatoriamente da apertura dun expediente. O interesado deberá ser oído e informado dos feitos que dean lugar á apertura do expediente contra el. As sancións que eventualmente poidan adoptarse deberán ser proporcionadas á gravidade das condutas punidas e deberán ir acompañadas da correspondente exposición de motivos. A Asemblea Xeral deberá ratificar os acordos sancionadores que adopte a Xunta Directiva, e contra a súa resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

ART. 34.- Os asociados do SETV serán titulares dos seguintes dereitos:

-        Asistir ás Asembleas Xerais con voz e voto.

-        Elexir e ser elexido para directivo do SETV.

-        Fiscalizar as contas da entidade.

-        Recibir información oportuna e puntual dos acordos adoptados e das actividades a realizar.

-        Gozar das vantaxes e beneficios que o SETV poida obter.

-        Participar nas actividades que promova o SETV

-        Elevar propostas á Xunta Directiva e á Asemblea Xeral

-        Intervir no desenvolvemento e perfeccionamento do SETV.

-        Facer parte das Seccións do Seminario que se constitúan.

-        Impugnar os acordos que estime contrarios á lei ou aos presentes Estatutos.

 

ART. 35.- Serán deberes dos asociados do SETV os seguintes:

-       Efectuar o pagamento das cuotas nos prazos e cos importes que se sinalen.

-       Cumprir os Estatutos do SETV e os acordos aprobados pola Asemblea Xeral.

-       Compartir os fins da entidade e colaborar para a súa consecución

-       Asistir ás reunións.

-       Observar unha conducta individual e cívica que non contradiga os fins e principios da entidade.

-       Cumprir o resto das obrigas que resulten destes Estatutos

ART. 36.- Perderase a condición de asociado polas seguintes causas:

-        Baixa voluntaria

-        Falla de pagamento das obrigas sociais por tempo superior a dous anos.

-        Decisión motivada da Xunta Directiva, previa información e audiencia ao interesado/a, confirmada pola Asemblea Xeral.

-        Acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria co voto favorábel das dúas terceiras partes dos asociados presentes, por causa xustificada.

-        Trato indebido das instalacións, materiais ou fondos que estean ao servizo do SETV.

-        Conduta individual ou cívica inaceptábel ou atentatoria contra os dereitos dos demais asociados.

-        Conduta individual ou cívica contraria aos fins da entidade

-        Disolución da entidade

  O asociado que por algunha destas causas fose dado de baixa no SETV non terá dereito a percibir indemnización ou retorno polas contribucións que tivese feito ao Seminario con anterioridade.

ART. 37.- Terán a consideración honorífica de Socios/as Fundadores as persoas asinantes da Acta de Constitución do SETV.

         Serán  Membros Numerarios aquelas persoas que soliciten o seu ingreso na Asociación, aboen as cotas e sexan admitidos pola Xunta Directiva.

         Serán considerados Membros de Honra as persoas físicas ou entidades que polos seus relevantes servizos emprestados á Terra de Viveiro, ao SETV ou á cultura en xeral se fagan acreedores a tal dignidade e señan nomeados pola Asemblea Xeral.

         Serán Membros Colaboradores aquelas persoas físicas ou colectivas que pola súa prestación persoal ou económica, doazón documental, obra literaria, artística ou de calquera outro tipo, cedida ao SETV, señan recoñecidas como tales pola Asemblea Xeral ou, por delegación desta, pola Xunta Directiva.

         Tanto os membros de honra como os membros colaboradores terán voz pero non voto na toma de acordos da Asociación.  

 

TÍTULO IV

  DO RÉXIME ECONÓMICO E DA DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

ART. 38.- O patrimonio fundacional do SETV corresponde á cantidade de cero pesetas (0 ptas.), isto é, 0 €,  e o seu orzamento anual será o que determine a principios de cada exercicio a Asemblea Xeral, en función dos recursos de que dispoña e das actividades que pretenda desenvolver.

ART. 39.- A data de peche do exercicio económico do SETV será a de 31 de decembro e as contas da asociación serán aprobadas anualmente pola Asemblea Xeral, polo que deberán ser postas previamente a disposición dos asociados durante un prazo non inferior ós 15 días previos á celebración da mesma.

ART. 40.- Os recursos económicos previstos para as actividades do SETV serán

-        Os fondos recadados polo cobro das cuotas ordinarias aos asociados/as que acorde a Asemblea Xeral

-        Os fondos recadados polo cobro das cuotas extraordinarias aos asociados/as que acorde a Asemblea Xeral

-        Os productos de bens e dereitos que lles correspondan

-        Os fondos de lícita procedencia facilitados de forma legal por calquera institución, corporación, persoa física ou xurídica através de subvencións, doazóns, legados e depósitos

-        Os ingresos derivados do exercicio doutras actividades económicas lícitas que acorde realizar a Xunta Directiva, que deberán destinarse exclusivamente, en todos os casos, ao cumprimento dos fins estatutarios da entidade.

A administración dos fondos da Asociación levarase a cabo sometida á correspondente información e intervención, e coa publicidade suficiente, a fin de que todas as persoas asociadas podan ter coñecemento do destino dos fondos.

 

ART. 41.- Nas entidades bancarias onde o SETV teña depositados os seus fondos deberán ter recoñecida a súa sinatura a persoa que desempeñe a Presidencia e a que desempeñe a función de Tesouraría, para utilizala de xeito mancomunado para o movemento dos mesmos.

ART. 42.- Os fondos documentais e patrimoniais non poderán ser alleados, vendidos nin cedidos a ningún particular, nin a institución pública ou privada. No caso de disolución do SETV, procederase con eles segundo o establecido nestes Estatutos.

ART. 43.- Non poderá procederse á disolución do SETV mentres quede de alta o dez por cento (10%) da cifra media de socios/as tida durante a vida do Seminario, salvo acordo expreso en senso contrario, adoptado na forma e coas condicións establecidas nos presentes Estatutos.

ART. 44.- De se aprobar a disolución do SETV, a propia Asemblea Xeral que tome tal resolución designará unha Comisión Liquidadora composta por cinco membros, que satisfará as obrigas contraídas, reintegrará os materiais e obxectos depositados aos seus propietarios orixinais ou herdeiros lexítimos, entregará o remanente, se o houber, á entidade legalmente constituída, con análogos fins ou a unha entidade benéfica, que a Asemblea Xeral decida e comunicará, finalmente, a baixa da entidade nos Rexistros en que estivese inscrita.

         Así mesmo, no caso de insolvencia da entidade, a Xunta Directiva, ou, se é o caso, a Comisión Liquidadora designada pola Asemblea Xeral, promoverá de inmediato o oportuno procedemento perante as autoridades competentes.

 

      En proba de conformidade co presente proxecto de Estatutos, asinan os integrantes da Xunta Directiva do Seminario de Estudos Terra de Viveiro

                                                                        VIVEIRO, 8 MAIO DE 2004